Follow us on Twitter
Alumnos de Inglaterra, Irlanda e Galicia gravan «Celtic Roots» PDF Print E-mail
Thursday, 09 December 2010 13:55

Xose Manuel Budiño durante a gravaciónO álbum reúne dez cancións populares rexistradas por tres centros de Manchester, Bray e Nigrán.

Tres mestres, os alumnos de tres colexios, tres tradicións musicais e nove cancións son as que protagonizan un disco, Celtic Roots, que vai alén das corais, das músicas para cativos e mesmo do folk. O disco reúne a escolares de Galicia, Irlanda e Inglaterra intercambiando tradicións populares e será presentado o vindeiro venres en Vigo.

O esquema de produción do álbum explica as súas intencións: tres mestres da música popular, un por cadanseu país, apadriñan a un colexio para interpretar tres cancións da música popular respectiva. Logo, os tres centros xuntos gravan outra peza máis para completar o disco. Os tres padriños son o inglés Michael McGoldrick, coñecido por formar en Capercaille ou por ser músico de Mark Knopfler, o irlandés Dónal Lunny, integrante de Moving Hearts, e como padriño galego o gaiteiro Xosé Manuel Budiño.

Os tres colexios seleccionados para o proxecto foron o St. John's Primary School, de Manchester, Inglaterra; o St. Cronan's Primary School, da localidade de Bray, en Irlanda; e por parte galega o Humberto Juanes, de Nigrán.

Cada un dos músicos seleccionou e supervisou a gravación das dez cancións protagonistas, de xeito que, segundo os artistas, quedan reunidas as tradicións musicais dos tres países. A presentación será o vindeiro sábado no Auditorio Municipal de Vigo.

Karaoke, documental sobre o proceso de gravación e unha longa lista de colaboracións musicais

As dez cancións de Celtic Roots son só o centro dun proxecto que quere moverse alén da música. O disco busca ofrecer aos seus usuarios algo máis de información sobre un proceso de traballo longo e tamén a posibilidade de que quen o escoite poida cambiar o seu papel de escoitante polo de cantante, como acontece tantas veces coa música popular.

No DVD que forma parte do pack vai incorporado un karaoke para que os compradores do conxunto poidan sumarse como integrantes dos coros dos cativos. No mesmo DVD tamén se poden ver os catro videoclips gravados e un documental a xeito de making of sobre o proceso de gravación do disco. Aínda hai máis: ao pé das dez cancións, o disco incorpora unha pista interactiva que inclúe partituras, letras das cancións.

No pequeno documental sobre a a realización do disco, ademais dos rapaces dos tres países, aparecen unha grande parte dos colaboradores que se foron sumando a este proxecto transfronteirizo.

Na nómina de Celtic Roots participan músicos para complementar as gravacións dos alumnos, músicos fundamentalmente procedentes do folk, como James Mahon, Graham Henderson, Angela Durcan, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Antón Seoane (ex Milladoiro), Xaquín Xesteira (Treixadura), Rodrigo Romaní, Luís Caruncho, Chisco (Son de Seu) e Guille Fernández (Berrogüetto).

Ligazón á noticia en La Voz de Galicia